Saturday 9 December 2017

Ambientes Persoais de Aprendizaxe e Redes Sociais na Educación: Reflexións Finais

Parece mentira pero xa van alá dous meses desde o inicio do curso de formación do profesorado “Ambientes persoais de aprendizaxe e redes sociais na educación”. Eu que teño boa predisposición para aprender comecei coa convicción de que algo de proveito seguramente ía sacar, pero para a miña sorpresa, as miñas expectativas víronse claramente sobrepasadas.


http://aukera.kristaueskola.eus/entorno-personal-aprendizaje-ple/

E iso foi así desde o minuto un, no que todos os participantes tivemos que esquematizar o noso propio ambiente personal de aprendizaxe. Qué importante é reflexionar sobre un mesmo de vez en cando! Deime conta de que o pé do que coxeaba o meu PLE era o da administración e clasificación da información. Xa non volverá a ser así.

O segundo gran impacto chegou no intre no que se me fixo ver que a estas alturas da era tecnolóxica xa non ten sentido falar dos nativos e inmigrantes dixitais. O que sí compre é distinguir entre os que residen na rede e aqueles que a visitan simplemente. A distinción púxolle nome a algo ao que levaba tempo dándolle voltas, e é que nunca estiven moi segura de querer deixar unha pegada moi fonda na internet, ou posto de outro xeito, de que a miña vida, privada ou profesional, estivese totalmente exposta. Seguirei dándolle voltas, seguro, pero sí que comprobei todas as vantaxes que conleva residir algo máis nas redes para a propia aprendizaxe.

E o terceiro elemento clarificador foi o da colaboración. Sempre fun moito de compartir e Google Drive leva sendo o meu gran aliado neste cometido desde hai ben anos. Pero creo firmemente que un aprende moito máis cando o fai con outros. Por iso, resultoume tremendamente interesante o emprego de Pinterest como ferramenta colaborativa, así como a posibilidade de crear grupos como profesor en Diigo. Ben seguro que ambas formarán parte da miña práctica docente no futuro.

Como xa dixen anteriormente, a aprendizaxe tende a ser máis plena cando é compartida e, precisamente por iso, foi un pracer ter a sorte de compartir este curso con tantos profesionais de tantos eidos tan diversos.